A marca BNG vive un momento doce da man da súa líder nacional, Ana Pontón, pero tamén doutros moitos rostros de mulleres que están a levar ao Bloque á pole position na carreira electoral do próximo 28 de maio. Na capital galega Goreti Sanmartin vense perfilando como a alternativa de esquerdas máis consolidada ao actual goberno dun Sánchez Bugallo desgastado polo caso Desproi e pola esixencia dun mandato en minoría no que se lle acusou de falla de vontade de diálogo e de acordo cos partidos da oposición.
Cunha Compostela Aberta aínda desdebuxada, buscando o seu lugar e tratando de identificar ao seu electorado á esquerda do PSdeG, máis preocupada as veces polas loitas intestinas, o liderado de Sanmartin semella ser o máis sólido no bloque da esquerda, mesturando a súa experiencia na xestión e a súa vontade transformadora cunha equipa “con ilusión e preparada para gobernar” con distintos perfís profesionais. Nos anteriores comicios municipais o BNG logrou aumentar case nun 50% o número de apoios, grazas en boa parte a que recolleu o voto inconformista e orfo dun proxecto progresista e de pais. Un caladoiro de votos aínda extenso —máis 26.000 composteláns non acudiron ás urnas en maio de 2019— e conformado esencialmente por simpatizantes de esquerdas.
As sondaxes publicadas até a data recollen dous datos significativos respecto a xestión realizada polo BNG neste mandato: é o partido da oposición mellor valorado pola súa xestión e o mellor valorado polos votantes de esquerdas, nomeadamente polos de Compostela Aberta, que lle outorgan case a mesma valoración que ao partido de María Rozas. Ademais, a propia Goretti Sanmartín é a líder mellor valorada das catro formacións con representación en Raxoi, cun 4,83, por diante de Bugallo (4,59), María Rozas (4,41) e o popular Borja Verea (3,49). Tamén é a mellor valorada polos votantes de esquerdas, ata o punto de ter entre o electorado de Compostela Aberta mellor valoración que a súa propia candidata, un 6,59 para Sanmartín fronte a un 6,46 da actual representante da marea. Por iso, dende o Bloque confían en que a súa candidatura resulte crucial para o novo Goberno municipal na capital galega fronte a un Partido Popular tamén en alza pero lonxe da maioría absoluta.
De feito, a candidata nacionalista, máis aló da súa ampla traxectoria no Concello de Santiago e na dirección do BNG, tamén ten experiencia na xestión como vicepresidenta da Deputación da Coruña entre 2015 e 2019, unha etapa na que foi piar fundamental dun Goberno de coalición co PSdeG. O que parece claro, segundo tódolos estudos demoscópicos, é que serán as dúas forzas que máis medren o próximo 28 de maio. As bazas de Goretti Sanmartin pasan por mudar o actual modelo turístico de Santiago e apostar por unha maior profesionalización, diversificación, deslocalización e desestacionalización do sector, clave para a economía local. Outro dos piares da proxecto nacionalista será a implementación dun urbanismo sostible, verde e máis naturalizado.