As enquisas son unha ferramenta moi útil para albiscar tendencias máis que para predicir un resultado. A derradeira en ser publicada, esta mesma fin de semana por Sondaxe, confirma unha desas tendencias que se repiten enquisa tras enquisa: a consolidación do Bloque Nacionalista Galego como forza en ascenso. Os nacionalistas lograrían un 26,7% do voto e 21 escanos no Parlamento de Galicia de celebrarse agora as eleccións autonómicas. Os populares perderían un escano e Alfonso Rueda conservaría a maioría absoluta a pesar de baixar respecto á enquisa de outubro e os resultados de 2020. Tamén rexistra unha tendencia á baixa o Partido dos Socialistas de Galicia, que perdería un escano ata chegar a un mínimo histórico de 13 representantes na cámara, cun 16,7% dos sufraxios.
Así, os nacionalistas serían a única forza á alza segundo esta enquisa, mellorando incluso o seu resultado no mesmo estudo no pasado outubro, que lles concedía 20 escanos. Sumando esta tendencia favorable ao BNG ás baixadas tanto do gobernante PP como do principal rival dos nacionalistas polo voto de esquerda, o PSdeG, obsérvase un escenario favorable para a pugna da organización nacionalista polo seu obxectivo de gañar a Xunta de Galicia. Por outra banda, as confluencias á esquerda do PSOE a nivel estatal, representadas nas pasadas eleccións galegas por Galicia en Común-Anova-Mareas pero que se presentarán ás vindeiras eleccións xerais como Sumar, non lograrían representación, ficando nun insuficiente 3,7% dos votos.
O duelo pola presidencia da Xunta de Galicia nas vindeiras eleccións autonómicas previsiblemente será entre Pontón, a mellor valorada e cun BNG á alza, e un Alfonso Rueda que se beneficia do éxito das súas siglas.
Outros datos destacables que nos ofrece Sondaxe son os das valoracións dadas polos votantes galegos aos líderes dos principais partidos, así como a súa porcentaxe de coñecemento entre o electorado. A portavoz nacional e candidata á presidencia da Xunta do BNG, Ana Pontón, é unha vez máis a líder mellor valorada, cunha nota media de 5,6 sobre 10 e sendo coñecida polo 83,6% dos votantes galegos. Mellora dúas décimas o seu resultado na sondaxe de outubro, na que empatou con Rueda, polo que se pode apreciar tamén neste caso unha tendencia á alza en favor dos nacionalistas.
O segundo lugar sería para Alfonso Rueda, que, como presidente da Xunta e presidente do Partido Popular de Galicia, é coñecido polo 87,0% dos galegos. Rueda obtén deles unha nota dun 5,4 sobre 10 de valoración, o mesmo dato que en outubro. Finalmente, o secretario xeral do PSdeG-PSOE e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sería o peor valorado dos tres, pero tamén aprobaría. Obtén un 5,0 sobre 10, cando en outubro conseguiu só un 4,8.Polo momento, só o 65,2% dos votantes galegos coñecen ao líder dos socialistas, os únicos que aínda non teñen un candidato oficializado. Celebrarán as súas primarias para elixilo en setembro, sendo previsible a elección como candidato do lucense José Ramón Gómez Besteiro. Besteiro foi presidente da Deputación de Lugo e Delegado do Goberno en Galicia, e agora encabeza a lista do PSOE ao Congreso dos Diputados o 23-X pola circunscrición de Lugo.
A enquisa publicada esta fin de semana por La Voz de Galicia confirma así o duelo pola presidencia da Xunta de Galicia nas vindeiras eleccións autonómicas, que previsiblemente será entre Pontón, cun BNG á alza e ben afianzado como segunda forza política en Galicia e primeira da esquerda, e un Alfonso Rueda que se beneficia do éxito do PPdeG en Galicia e que sería a forza máis votada.