Nos últimos procesos electorais vividos a nivel estatal, hai unha tendencia que se pode apreciar de xeito común en Cataluña, Euskadi e Galicia: o voto da xente nova de esquerdas está indo a parar maioritariamente a forzas propias. Mentres as enquisas para as vindeiras xerais indican que en boa parte de España o voto mozo progresista está sendo recuperado polo PSOE fronte a Sumar, e que colleitan grandes porcentaxes entre a mocidade o PP e Vox, nas chamadas nacionalidades históricas antes mencionadas non está tendo lugar este proceso, senón que o PSOE fica desprazado por estas forzas propias.
En Galicia, dentro da tendencia a alza xeralizada do voto ao BNG nos últimos procesos electorais, confírmase cada vez de xeito máis evidente a primacía desta organización entre a mocidade galega
No caso vasco, vemos como EH BIldu pode gañar as eleccións superando ao tradicional PNV, en boa parte grazas precisamente a ese voto da xente nova. En Cataluña, este voto repártese tamén de xeito notable entre ERC e a CUP, que tamén estan a colleitar resultados moi destacables nun contexto de gran división do electorado entre múltiples forzas políticas. En en Galicia, dentro da tendencia a alza xeralizada do voto ao BNG nos últimos procesos electorais, confírmase cada vez de xeito máis evidente a primacía desta organización entre a mocidade galega, que será clave no resultado do Bloque nas próximas eleccións xerais e nas vindeiras eleccións galegas.
Estas organizacións políticas vascas, catalás e galegas teñen moitos elementos en común que as fan especialmente atractivas para a mocidade, ao poñer no centro do seu discurso moitas das cuestións que máis preocupan a este sector da poboación. O feminismo, a defensa dos dereitos do colectivo LGTBI, a defensa dos dereitos da clase traballadora nun contexto de gran precariedade laboral para a xente nova, ou o problema da vivenda que sofren tan particularmente. Ademais, estas formacións opóñense de xeito frontal á alianza da dereita e a extrema dereita que podería alcanzar o Goberno estatal a partir do 23X, cunha axenda que contrasta totalmente coa anteriormente mencionada. E, ao mesmo tempo, estas forzas propias de Euskadi, Cataluña en Galicia, poden defender os seus intereses presionando dende fóra ao PSOE e sen ter que gobernar en coalición con el a nivel estatal como lle ocorre a Sumar, gozando dunha liberdade e flexibilidade moito maior neste aspecto.
Son forzas especialmente atractivas para a mocidade, ao poñer no centro do seu discurso o feminismo, a defensa dos dereitos do colectivo LGTBI, a defensa dos dereitos da clase traballadora nun contexto de gran precariedade laboral para a xente nova ou o problema da vivenda.
Ao estar, tanto o PSOE como Sumar, obrigados pola aritmética parlamentaria a pactar con estas forzas para sacar adiante practicamente calquera inciativa de calado, estas posúen unha capacidade de negociación moi forte a pesar de contar con representación só nun número bastante limitado de circunscripcións. Pola contra, as provincias que non contan con forzas propias e que elixen deputados que se integrarán dentro dos grandes grupos parlamentarios dos partidos estatais, non adoitan gozar das mesmas ferramentas de presión.
A concentración do voto da mocidade en EH BIldu, en ERC, na CUP ou no BNG explica en parte o crecemento que estas experimentaron nos últimos anos. O voto da xente nova non deixa de ser o voto do futuro, polo que a tendencia á alza do voto a forzas propias en Euskadi, Cataluña e Galicia pode ser unha das claves que explique a evolución do panorama político vasco, catalán e galego nos próximos anos, e, por extensión, o do conxunto do Estado.