Unha das fichaxes do BNG para estas eleccións municipais en Santiago é a de Iago Lestegás Tizón, un arquitecto e doutor rexeneración urbana e desenvolvemento económico que ocupa o posto número 6 da lista. Nado en Lugo no 1987, dende 2016 vive en Santiago, “a cidade onde decidín quedar”, e, aínda que no 2014 participara na candidatura do BNG nas eleccións ao Parlamento Europeo, agora chega ás filas nacionalistas despois de ter participado nas primarias de Compostela Aberta en 2019.
Despois de oito anos estudando as problemáticas dos centros históricos e os impactos da turistificación sobre a vivenda e a calidade de vida das comunidades locais, Lestegás e o BNG apostan por converter Compostela “nunha capital verde europea”, defendendo “a calidade de vida característica” da cidade, “en risco pola turistificación, que afecta non só á Cidade Histórica, senón que ten un impacto moi forte sobre a vivenda, o comercio e o espazo público”.
O arquitecto tamén está detrás da proposta presentada por Goretti Sanmartín para crear o Pórtico de Belvís, recuperado o paso ó parque cunha praza aberta e cuberta, e forma parte do tecido asociativo ligado á música e ao baile tradicionais.