Enquisa do CIS: En Lugo xogarase o partido a 3 cun BNG con posibilidades de lograr representación.

por | Jul 11, 2023 | Política | 0 Comentarios

Dentro da tendencia á alza en votos que as enquisas electorais atribúen ao BNG, avalada polos últimos comicios, un dos feitos aos que apuntan todas as sondaxes é que os nacionalistas multiplicarán a súa representación no Congreso dos Deputados nas próximas eleccións xerais, polo menos duplicándoa ou triplicándoa. O último barómetro do CIS apunta precisamente nesta dirección, outorgando ao Bloque entre dous e tres escanos na cámara.

Outro feito destacado sinalado por esta enquisa é que ese posible terceiro escano que o CIS indica que o BNG podería conseguir, sería en detrimento do Partido Popular, concretamente na provincia de Lugo. Nesta provincia, que reparte 4 escanos no Congreso, o PP podería obter, segundo este barómetro, entre 1 e 2 deputados, mentres que os nacionalistas loitarían por conseguir 1. O PSdeG, por outra banda, obtería os 2 deputados restantes.

Sendo Lugo unha provincia que reparte poucos deputados, en comparación a outras como Pontevedra, que reparte 7, ou A Coruña, que reparte 8, isto resulta especialmente destacable polo dificil que é conseguir escanos nela para partidos que non sexan o máis votado. Este feito fai que os repartos sexan moi axustados, desputándose neste caso o escano a dereita do PP e a esquerda, neste caso a esquerda nacionalista, do BNG. Para esta última formación, os escanos por Pontevedra e A Coruña estan asegurados, pero o resultado electoral en Lugo si pode marcar a diferencia, especialmente nun contexto en que o equilibrio entre forzas a nivel estatal é tan axustado, coa dereita e a extrema dereita a piques de conseguir entre os dous a maioría absoluta.

Así, en Lugo, o voto ao Bloque Nacionalista Galego sería o que determine se a esquerda leva nesa provincia 3 deputados ou só 2. O PSdeG non podería levar máis dos 2 deputados estimados, mentres que Sumar non obtería representación. Isto implica que os votos que reciba Sumar na provincia de Lugo non servirán para conformar unha maioría progresista no Congreso dos Deputados.

E en Ourense? Nesta provincia dase o mesmo caso que o de Lugo a nivel escanos, xa que tamén lle corresponden 4 cadeiras no Congreso. Aínda que, polo momento, o barómetro do CIS sinala que só o PSdeG e o PP conseguirán representación nesta provincia, o BNG sería, por número de votos, a seguinte forza mellor posicionada para conseguir representante nela, como sucedería en Lugo. De novo, Sumar ficaría sen escanos na circunscripción. Así, nestas dúas provincias, a presentación das candidaturas de Sumar, con candidatos descoñecidos para o electorado galego, restará votos ás outras dúas principais candidaturas da esquerda, as do BNG e o PSdeG, sen que eses votos sirvan para lograr escano, restando de facto a representación progresista no Congreso dos Deputados.

No caso de obter 3 representantes, o Bloque Nacionalista Galego igualaría os seus mellores resultados no Congreso dos Deputados ata o momento. En todo caso, os seus líderes teñen como obxectivo conseguir aínda máis representación, superando ese teito previo coa vista posta en lograr un grupo parlamentario propio. A conformación dun grupo parlamentario galego é un obxectivo histórico do nacionalismo galego a nivel electoral dende hai décadas. A pesar de que, no seu momento, En Marea prometeu en campaña que conformaría dito grupo cos seus representantes na cámara en 2015, os seus representantes rematarían por integrarse no grupo parlamentario de Podemos. Posteriormente, as candidaturas sucesoras de En Marea, concretamente Galicia en Común e agora Sumar, retiraron esa promesa dos seus discursos.

Últimas noticias