O Concello das Pontes realizou, durante o ano 2022, un total de 69 contratacións laborais, grazas á asignación de fondos propios como á concesión de diferentes subvencións procedentes da Deputación da Coruña e goberno autonómico
Son 69 empregados e empregadas que chegaron, en diferentes épocas do ano, tanto para cubrir vacantes laborais temporais como para reforzar diferentes departamentos municipais tales como Obras e Servizos, Seguridade Cidadá, Benestar Social, Cultura e Emprego.
Ana Pena, concelleira de Recursos Humanos, remarca a importancia que para o municipio teñen estas contratacións laborais xa que “fixeron posible mellorar os servizos municipais básicos, tales como a limpeza ou o mantemento viario, atender a persoas en situación de dependencia no domicilio, mellorar a xestión administrativa interna do concello ao tempo que nos permitiu continuar promovendo a xeración de emprego na vila”
Os novos empregados contratados durante este ano foron, 31 peóns de obras e limpeza que levaron a cabo traballos de interese xeral para o municipio e que foron contratados grazas á liña de axuda habilitada pola Deputación da Coruña a través do Plan de Integración Laboral
Tamén se levou a cabo, a través de aportacións municipais, a contratación de seis administrativos e un técnico da administración xeral, catro auxiliares de Policía Local, tres auxiliares de biblioteca, un docente para o Conservatorio Municipal de Música Profesional, dous conserxes para os edificios culturais así como 16 persoas para o servizo de axuda a domicilio, entre outros.
Por medio de diversas achegas, procedentes da Deputación da Coruña e do goberno autonómico tamén se incorporaron ao persoal do Concello unha axente de igualdade, unha traballadora social, unha educadora social así como unha directora para Plan Integrado de Emprego das Pontes.