A idea de transformación está no centro da campaña das municipais no Concello de Lugo. As dúas principais formacións en condicións de volver a formar goberno, PSdeG e BNG, defenden a súa xestión neste último mandato e marcáronse como obxectivo ir máis aló na transformación da cidade nos catro vindeiros anos.
Os bos resultados do BNG en Lugo e as perspectivas positivas que lle outorgan as diferentes sondaxes aos nacionalistas sitúan a campaña nunha competición entre o actual tenente de alcalde, Rubén Arroxo e a candidata á reelección Lara Méndez coa transformación no centro do discurso.
Así, Rubén Arroxo, está facendo cada vez máis fincapé na rede ferroviaria e na situación de desconexión de Lugo co resto de Galicia e ven insistindo na necesidade de convocar ás diferentes institucións a partir do 28 de maio para “pór a Lugo no mapa das Infraestructuras”. O candidato criticou ao tempo o proxecto da estación intermodal que “non pode converterse nun novo pantasma como o aeroporto de Castellón”.
A sustentabilidade é outro dos eixos no que os dous socios de goberno están a competir durante esta campaña. Neste caso Rubén Arroxo reivindica o traballo feito desde a concellaría de mobilidade e proponse “continuar a avanzar nunha mobilidade sostible cun tráfico calmado”.
Animados polos datos positivos dos derradeiros inquéritos, desde o campo nacionalista amosan claramente o obxectivo de superar os resultados de 2019 e conseguir estar nunha situación que lles permita liderar o próximo goberno de Lugo nun contexto de competición virtuosa cos seus actuais socios do PSdeG.
A campaña de Lugo está a ser así unha das máis interesantes polo escenario moi aberto que se presenta e con dous socios de goberno moi igualados que pugnan por liderar o próximo goberno, poñendo en valor un balance de xestión que comparten.