Santiago de Compostela súmase á lista de cidades galegas cuxa alcaldía ameaza con cambiar a proporción das cores que a compoñen.
A menos dun mes das eleccións municipais, o actual alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, é o candidato peor valorado das sete cidades galegas. A súa xestión na urbe da catedral poderíalle custar pasar de 10 a 7 edís, a favor do BNG que duplicaría a súa representación, e CA, que todo e perder votantes, mantería catro concelleiros. A líder nacionalista, Goretti Sanmartín, é a representante mellor valorada polos enquisados con 4,89 puntos.
O declive do PSdeG tamén favorecería ao PP de Borja Verea, que prevé aumentar en dous os seus edís. Sen embargo, a intención de voto dos populares é a que menos medrou nos últimos meses, xa que dende febreiro ata este mes soamente aumentou 0,4 puntos. O BNG, pola contra, pasou dun 15,9 a un 16,9 (+1 punto), e Compostela Aberta dun 11,4 a un 14,7 (+3,3 puntos). Os socialistas foron os únicos que restaron puntos nos últimos meses, pasando dun 30,8 a un 26,9 (-3,9 puntos).
A migración de votos do PSOE favorecería en primeiro lugar ao BNG, xa que o 6,2% dos votantes socialistas planean cambiar o sentido da súa decisión nesta dirección. Tras eles, un 4,2% sopesan dar o seu voto ao partido de oposición directa; o PP.
De confirmarse a estimación de Sondaxe, a suma do BNG e Compostela Aberta superaría nun edil aos do PSOE (8 fronte a 7), o que suporía un cambio de cores na capitanía do palacio de Raxoi, ata agora unicamente vermello.









