A alcaldía da capital lucense podería mudar de cor nas próximas eleccións municipais do 28 de maio. O escenario está moi aberto e calquera das tres principais candidaturas podería conseguir a alcaldía.
Tanto a enquisa de Sondaxe como a de Infortécnica revelan un panorama dunha imprevisibilidade que non existe en ningunha das outras 6 grandes cidades da comunidade autónoma. Lugo é a esta hora a cidade cuxa futura ou futuro alcalde é máis complicado de prever.
A cidade poderíase converter así nunha das contendas máis interesantes a seguir na noite do 28M. Segundo a enquisa de Infortécnica para El Progreso – principal xornal da cidade – os nacionalistas estarían neste intre nun 12% de intención de voto e o PSOE nun 13%. Isto significa que existe unha posibilidade para o BNG de situarse en 7 concelleiros, e entre 6 e 8 para os socialistas. A campaña fará mover inexorablemente estas cifras en favor dun ou doutro. A estas cifras hai que sumar que a mesma enquisa sitúa ao PP de Elena Candia entre os 11 e os 13 concelleiros, necesarios para acadar a maioría absoluta.
Alén da intención de voto, hai outros elementos que reforzan esta situación de escenario aberto. No caso de Sondaxe, a pregunta sobre a satisfacción dos cidadáns coa calidade de Lugo como lugar para vivir, os enquisados que emitiron unha puntuación máis elevada foron os votantes do BNG cun 7,8 de media. Tras eles están os votantes socialistas cunha media de 7,68; un 6,93 do Partido Popular, e por último un 4,75 dos lucenses que votaron a Ciudadanos.
O podio repítese nas respostas do electorado máis novo. Á hora de puntuar aos catro candidatos, a mocidade de entre 18 e 29 anos escolleu a Rubén Arroxo como favorito cun 6,23, seguido da alcaldesa Lara Méndez (5,56), o popular Ramón Carballo (5,31), e Olga Louzao de Cs cun suspenso nesta franxa. O outro polo do electorado, os maiores de 65 anos, decántanse en primeiro lugar pola candidata socialista.
No referente aos principais problemas do concello que apunta este estudo, a maioría dos lucenses considera que a cidade necesita melloras en materia de transporte público e que o tráfico é un dos seus principais problemas. Neste contexto son os votantes do BNG os que mellor valoran a xestión destes últimos anos cun 5,82, seguidos dos votantes do PSOE cun 5,11.
Así, a cidade de Lugo preséntase coma un escenario aberto a posibles cambios tras os comicios do próximo mes de maio. A percepción xeral do público favorece ao grupo do BNG, que recibe mellores críticas que o aprobado do PSOE de Lara Méndez. É de esperar que as papeletas das caixas de En Marea e Podemos migren cara estes outros dous partidos do espectro da esquerda, debuxando un futuro incerto para a coalición que goberna agora mesmo a cidade amurallada.









